FUEntes de Foz
«Somos moi poucos, e digo somos porque eu formo parte deles, os que imos buscar auga a unha fonte pública. O que noutro tempo eran lugares de bulicio, de reunión e intercambio de novidades, hoxe son lugares desertos nos que tan só se escoita o son da auga que cae; son lugares a punto de desaparecer.
O noso concello é rico en fontes, moitas descoñecidas polo público en xeral e outras ben coñecidas, como a famosísima Fonte da Zapata, creada milagrosamente polo bispo San Gonzalo para acabar coa seca que reinaba na contorna. Fonte esta que bebía nun manancial tamén famoso, o Rego de Lavalasmans. Ao carón del reuníanse (en 1549 así se nos di, pero xa o facían anteriormente) magos, agoireiros e menciñeiros que levaban a cabo ritos de curación vinculados coa auga.
Outra fonte vinculada á curación de enfermos estaba situada un pouco máis arriba da capela do Bispo Santo, coñecida popularmente, e aínda na actualidade, como a Fonte dos Mouros. Fontes que serviron, aparte de para regar prados ou dar de beber á poboación, como lugares que se empregaban para deslindar propiedades, razón pola cal figuran na documentación escrita.
Os exemplos máis antigos destas fontes deslindantes aparecen no apeo de bens de San Martiño de Mondoñedo (ano de 1540), onde podemos ver, aparte da famosa Fonte da Zapata ( “e que topa en la cruz e omylladero en el rego que viene de la Fuente da Çapata e en la heredad de Pero de Lelle”) outras fontes, como a existente no lugar da Cerviçaria “a la entrada e cavo de la fuente de Villa Cendoy”; outra situada no barrio sanmartiñés do Caritel “e que desde Bao sube a los Canos de Mouros e va por el camyno viejo para la fuente Amargosa e de alli para el rego de Lavar las manos”; a localizada no camiño que sube á ermida do Bispo Santo por Mourente “sobre la fuente de Forcada… en el camyno que va de las Agras das Eyras para arriba para el monte, para la Cruz de Agrelo”; ou a fonte da Freixiba situada no lugar “que dize da Fabaelle”, entre outras.
Referencias a fontes históricas localizadas nas vías públicas podémolas atopar nos documentos, como a Fonte da Penela (1831, no lugar de Lousada, parroquia de Fazouro) que aparece situada a carón do camiño público que levaba cara Nois; a Fonte de Vilarmea (1827) a carón da ponte medieval de Fazouro, no camiño real que unía Ribadeo con Viveiro; a Fonte da Cabaneira, sita no barrio de Vilaxoane (1829) situada, tamén, a carón dun camiño público.
Tamén existen fontes que dan nome a lugares pois si en 1804 un lugar de Santo Acisclo era nomeado como Folgueira Chá, en 1830, dese lugar dise “y oy parece denominan Fuente del Espino”. Fontes das que coñecemos o nome do seu construtor, como é o caso do fontaneiro Roque Fernández de Castro (Vilanova de Lourenzá) que en 1825, e por unha cantidade de 3.000 reais, comprometíase a “la composición de las dos fuentes de los barrios de Marzán y Foz”.
Mais, de pouco serve buscar referencias toponímicas relativas a ríos, regatos, mananciais ou fontes se non somos capaces de conservalas e de difundilas. De aí a importancia deste traballo de localización, documentación, dixitalización e, sobre todo, difusión desta riqueza patrimonial das fontes de Foz.»
Xoán Ramón Fernández Pacios.
Cronista Oficial do Concello de Foz.
Foz, 14 de xuño do 2024.